Dúas bágoas por máquina

Dentro do Club de lectura temos un grupo novo, o alumnado de 4º de primaria, que participa por primeira vez , a petición propia e cun libro escollido por eles mesmos.

BENVIDOS/AS!

DÚAS BÁGOAS POR MÁQUINA-Fina Casalderrey

Unha novela emotiva, narrada con tenrura e humor, que aborda toda a complexidade das relación entre os nenos e nenas e os animais. É a historia da relación entre Xusta e o can, Máquina, que recibiu como agasallo, cando cumpriu seis anos. Pasado o tempo a familia cansa do animal e pensa en desfacerse del, abandonándoo nun monte. Desa época trata o libro, dos recordos e da tristeza ante a desesperación, pero tamén da volta, da súa recuperación. O can demostra a súa valentía nun par de actuacións impresionantes. A última delas suporá a súa fin, nunha entrega total para salvar á avoa.

Memorias dun neno labrego


Para rematar este ano de lecturas, os compoñentes do club de lectura “biblioponte” do CEIP “A Ponte” lemos o libro máis lido e máis traducido da literatura galega: Memorias dun neno labrego, do que, con esta última edición, conmemoranse os cincuenta anos da súa aparición.
O seu autor, Xosé Neira Vilas, pretende contar como era o estilo de vida nos anos corenta de Balbino, rapaz labrego de 12 ou 13 anos, nunha aldea galega, concretamente na aldea de Grea en Vila de Cruces.

O MERLO BRANCO

O merlo branco é unha obra de Cándido Pazó, cuxa trama central xira en torno á tolerancia e o respecto das diferenzas. Un merlo nace branco, é diferente, e ten problemas. Ninguén o quere. Entón emprende unha viaxe chea de divertidas aventuras para sentirse aceptado. Quere ser gaivota, cotorra, flamingo, pomba ou calquera outro paxaro que teña por norma ser branco; ata que todos se decatan e o aceptan tal e como é.

O Principiño

Despois de ler a guía orientativa para a lectura do libro e ambientarnos coa exposición da biblioteca por fin chega a lectura da obra.
Este famoso libro de Antoine de Saint-Exupéry é unha historia chea de misterio e poesía na que un neno emprende unha viaxe a través do universo e vai descubrindo o mundo co seu corazón. Quere chegar ata o fondo das cousas e non deixa de facer preguntas.
Pouco a pouco dialogando e reflexionando co grupo imos descubrindo o significado das distintas metáforas, non percibidas pola totalidade da mesma maneira, onde todos os personaxes e elementos nos falan da relación entre as persoas, o amor, a amizade, o sufrimento…Fainos reflexionar sobre cousas tan simples e á vez tan complexas.
Por último o visionado da película O PRINCIPIÑO baseada na obra de Antoine de Saint-Exupéry.

Marco Polo, o aventureiro

Marco Polo (naceu en Venecia no ano 1254) xunto ao seu pai e ao seu tío,membros dunha familia de mercaderes, emprenderon unha expedición hacia terras de Oriente no ano 1271. Polo camiño , tiveron que enfrontarse a aventuras de todo tipo: á néboa seca, aos bandidos, aos piratas... atravesar mares, montañas, desertos, distintos países con distintas culturas e distintas relixións.

24 de febreiro - Día de Rosalía de Castro

O día 24 de febreiro, o club de lectura do noso centro tivo unha xuntanza para comentar a obra lida, neste caso, unha escolma da poesía de Rosalía da Castro da editorial Kalandraka. “Cantares Gallegos” e “Follas novas” libros dos que forman parte esta selección poética, son textos reivindicativos, que ensalzan a terra, a muller galega,os nenos e nenas, os anciáns, os desposeídos… Curiosamente a reunión coincidiu o día e o mes do nacemento da autora dos poemas, polo cal estabamos especialmente motivados e motivadas. Falamos da vida e obra de Rosalía, comentamos os poemas lidos, recitámolos e rematamos escoitando “Adiós ríos, adiós fontes”, poema de Rosalía musicado e cantado por Amancio Prada.



Cartas de inverno



Esta vez é Agustín Fernández Paz o autor de Cartas de inverno, libro cheo de intriga, misterio e
terror. Tereixa recibe un sobre remitido polo seu irmán Xabier desde Doroña (Vilamaior). No seu interior hai una carta e un sobre máis pequeño. Na carta Xabier indícalle que non abra o sobre e que si antes dunha semana non recibe noticias, llo entregue ao inspector Soutullo da Comisaría de Vigo. Tereixa non resiste a tentación e abre o sobre. No seu interior aparecen unhas cartas remitidas a Xabier, do seu amigo Adrián. As cartas falan de estraños sucesos relacionados coa súa nova casa e pide axuda ao seu amigo.


Anxo Fariña no Club de Lectura

Despois de que o Bibliótico, entregara aos integrantes, una pegatina co logotipo do club e uns marcadores tamén fixo entrega do libro.
Nesta ocasión o libro entregado está escrito e ilustrado por Anxo Fariña, o título é: OS MEGATOXOS E O O APRENDIZ DE DRUÍDA.

Os protagonistas, catro escolares, decátanse de que teñen moitas cousas en común ademais de asistir á mesma escola. Estraños poderes, aventuras e misteriosos encontros. Todo isto misturado nunha viaxe polo tempo, na procura de respostas, na terra dos seus antergos…os celtas.

Club de lectura


Comeza a aventura

O alumnado de terceiro ciclo de primaria está xa disposto e preparado para deixarse invadir polas palabras, polas historias e pola diversidade de textos (narrativa, teatro, poesía) que como sempre lemos no noso club de lectura BIBLIOPONTE.
No mes de outubro deste curso 2010-2011, comenzamos unha nova andadura coa lectura dun libro de Robert Louis Stevenson, A ILLA DO TESOURO, novela clásica e de aventuras, que relata as peripecias e perigos que deben enfrontar os tripulantes do barco que sae en busca do tesouro escondido. O seu protagonista é un adolescente que participa da expedición como grumete e convértese dalgún xeito no heroe da historia, capaz de resolver situacións conflictivas cando outros mariñeiros experimentados non poden facelo.
Unha vez rematada a lectura veremos a versión cinematográfica para poder comparar e comentar as diferentes versións.